2ª - O aire sábeme a bico

escrita por Finvana dedicada a Concha, a miña muller

sábado 9 febrero 2008    3.35 corazones

Miña amada, quérote sempre. Aínda que ás veces non saiba quererte.
 
Aparto por uns intres as facturas. Deixo os asentos contables, agora que o teu recordo acaba de entrar na oficina, pasando de puntiñas sobre a néboa que provoca a túa ausencia.
 
Hai algo máxico na contabilidade que permite ordena-lo mundo. Poñer, por exemplo, na parte do activo, do que ten valor, todo o que segue:
 
A pel de galiña nos brazos cando te vin co teu poncho verde.
O rastro que deixa a risa nos teus beizos, despois de rires.
O modo en que a túa cabeza encaixa perfectamente no meu peito.
Os teus ollos.
 
A túa ledicia impagable na miña tristura de saldo.
A miña parte da manta, sempre algo máis curta que a túa.
A forma de buscaren os teus pés fríos ós meus pés quentes.
Os teus ollos.
 
O día que me dixeches polo baixiño que eramos compañeiros para toda a vida.
As voltas nas mangas cando te pos as miñas camisas.
O día que rectificaches e me dixeches que eramos compañeiros para todas as vidas.
E por suposto os teus ollos.
 
Agora debo volver ó traballo. Vouche ter que deixar unhas horas, ata vernos. Na miña mesa, a túa fotografía canta coa voz da túa risa.
Permaneces, máis aló dos límites e das distancias. Presíntote por enriba da túa ausencia.
O aire sábeme a bico.


En esta web utilizamos cookies, tanto propias como de empresas colaboradoras, para obtener datos estadísticos de la navegación de los usuarios, lo que nos permite mejorar la información y la publicidad que te mostramos y adaptarla a tus hábitos de navegación. Si continúas navegando, entenderemos que aceptas su uso. Más información